En termos administrativos, a Banda de Gaitas e Danzas O Irixo regúlase baixo a dirección da Asociación de Gaiteiros do Irixo, constituída en 2019 coa finalidade de protexer o benestar e porvir da agrupación.
Na actualidade, a escola conta con preto de 60 alumnos, pertencentes a un amplo rango de idades, matriculados nas modalidades de formación impartidas: gaita, percusión (pandeireta, redoblante, timbal e bombo), canto e baile tradicional galego. Os músicos e bailaríns da agrupación participan en numerosas actuacións e eventos durante todo o ano, concentrándose principalmente na época estival.
Nos últimos anos, destaca a presenza da Banda de Gaitas e Danzas O Irixo en eventos locais, autonómicos e internacionais de importante relevancia, como o Festival Luso-Galaico na Festa das Cruces de Barcelos (Portugal), a Romaría Etnográfica Raigame de Vilanova dos Infantes, os XL Premios Antón Losada de Boborás, sucesivas edicións da Festa da Malla Tradicional de Doade ou o encontro celebrado o 23 de novembro 2024 no Museo Etnolóxico de Ribadavia, para a declaración da música e baile tradicionais como BIC (Ben de Interese Cultural). Destaca tamén a colaboración en concertos de artistas de renome no ámbito cultural e musical do país, como Xabier Díaz.
Súmase ás múltiples actividades realizadas na escola como obradoiros e tarefas de confección de indumentaria, mantemento de instrumental e creación de partituras, a organización da Bullada de Outono, unha foliada convocada no mes de outubro dende o ano 2023, que nas últimas edicións contou con múltiples invitados de agrupacións da contorna, celebrándose unha xornada de convivencia interxeracional e intercambio artístico-musical.