A orixe da Banda de Gaitas e Danzas O Irixo remóntase aos anos 70. Coa fundación da Sociedade Cultural e Deportiva “O Testeiro” no ano 1973, os seus promotores desarrollan diversas actividades relacionadas co estudo das posibilidades de desenvolvemento económico do municipio, celebración de festas populares e actos culturais, entre os que cabe destacar o “Homenaxe ó Emigrante Galego” na “Feira do Quince” do Tellado, ano 1976. Coa organización deste evento, buscaban por de manifesto a situación de subdesenvolvemento que vivían numerosas familias do concello, que as levaba a emigrar cara Europa e América. As pequenas mostras de baile tradicional galego que se representaron na obra de teatro “Soño de Noiteboa” xeraron gran interese no público asistente, motivando a fundación do "Grupo Folclórico de O Irixo" en 1976, coa directora María do Carme Villaverde García. Esta agrupación que chega a contar con 92 alumnos, buscaba recuperar traxes e pezas tradicionais que se bailaban nas bulladas e fiadeiros que proliferaban nos anos 30, montando bailes como “A danza dos foles” ou “O baile dos vellos”.
A partir do ano 1987, a agrupación pasa a mans da Asociación Cultural Acadi ata o ano 1992, cando o Concello de O Irixo decide facerse cargo da banda de gaitas.
Nos anos 90, a agrupación musical atópase nunha época de esplendor, chegando a viaxar a Arxentina, Francia e Suíza, actuación na cal representa a España no Festival Internacional de Folclore. En paralelo participa na Liga Galega de Bandas de Gaitas, acadando o segundo posto en segunda división.
Posteriormente destacan numerosas actuacións no País Vasco e na Romaría Etnográfica Raigame, de Vilanova dos Infantes.
Tras un período de inactividade, é no verán do ano 2017 cando os últimos cinco compoñentes da agrupación, toman o mando. No ano 2019 fundan a Asociación de Gaiteiros do Irixo e dende entón a escola non deixa de medrar, incrementando o número de alumnos en cada novo inicio de curso lectivo. Convértese así nunha das entidades máis numerosas do Concello de O Irixo no ámbito cultural.
Grupo Folclórico de O Irixo, 1985