En termos administrativos, a Banda de Gaitas e Danzas O Irixo regúlase baixo a dirección da Asociación de Gaiteiros do Irixo, constituída en 2019 coa finalidade de protexer o benestar e porvir da agrupación.
Na actualidade, a escola conta con preto de 60 alumnos, pertencentes a un amplo rango de idades, matriculados nas modalidades de formación impartidas: gaita, percusión (pandeireta, redoblante, timbal e bombo) e baile tradicional galego. Os músicos e bailaríns da agrupación participan en numerosas actuacións e eventos durante todo o ano, concentrándose principalmente na época estival.
No último ano 2024, destaca a presenza da Banda de Gaitas e Danzas O Irixo en eventos locais e autonómicos de importante relevancia, como a XXI Edición da Romaría Etnográfica Raigame, a V Festa Etnográfica de O Pereiro de Aguiar, a XXV Festa da Malla Tradicional de Doade ou o encontro celebrado o 23 de novembro no Museo Etnolóxico de Ribadavia, para a declaración da música e baile tradicionais como BIC (Ben de Interese Cultural).
Súmase ás múltiples actividades realizadas na escola como obradoiros e tarefas de confección de indumentaria, mantemento de instrumental e creación de partituras, a organización do Serán de Outono, unha foliada convocada no mes de outubro que na súa segunda edición contou con múltiples invitados de agrupacións da contorna, celebrándose unha xornada de convivencia interxeracional e intercambio artístico-musical. O cambio de ubicación que caracterizou esta segunda cita anual, contribuíu á posta en valor da estación de tren de O Irixo.